Friday 17 de May de 2024

Máis de 700 persoas tomarán a saída na San Silvestre de Fene


A carreira popular percorrerá o centro urbano o venres a partir das 17.30h

Todo está listo xa para a carreira popular coa que Fene despedirá o ano deportivo no municipio. Máis que unha competición, a San Silvestre é unha festa á que este ano se sumaron un total de 703 persoas distribuídas en catro categorías: absoluta, menores, pitufos e a andaina aberta a todas as idades. Son case 200 máis que na edición anterior que correrán por divertimento e, ademais, por unha finalidade solidaria, xa que se recollerán alimentos cun longo período de caducidade para entregarllos a Cáritas Fene. Os dorsais poder retirarse o xoves e mailo venres no pavillón da Xunqueira -o xoves en horario de mañá e tarde- ou na Praza do Concello o propio día da carreira entre as 16 e as 17.00h.

Para quen queira correr haberá tres percorridos por idades. Ás 17.30h.tomará a saída a rapazada nacida entre 2004 e 2009 competindo dentro da categoría Menores. O trazado para eles e elas será de 800 metros, desde a Praza do Concello ata pouco antes do Centro de Saúde, na rúa Tarrío, e volta de novo ao punto de partida.

Sobre as 17.45 daráselle a saída á categoría Absoluta -persoas nacidas en 2003 ou antes- cun circuíto urbano de 3,8 quilómetros tamén con saída e chegada na Praza do Concello. Collerán a rúa da Fraga, despois Marqués de Figueroa e á altura do cruzamento de Aguilar torcerán á esquerda para empezar a desfacer o camiño por Río Cádavo, San Salvador, a zona de Mundín, a rúa Travesa, Alcalde Gerardo Díaz e, de novo, rúa da Fraga e Praza do Concello.

Ao mesmo tempo comezará a andaina de 2,6 quilómetros aberta a todas as idades que compartirá trazado coa carreira Absoluta ata a metade do camiño. E é que ao final de San Salvador proseguirán pola rúa Alta ata chegar ao Camiño do Inferniño, logo conectarán con Alcalde Gerardo Díaz e, finalmente pasarán pola rúa da Fraga antes de chegar de volta ao Concello.

A última carreira -da que non haberá clasificacións- será a da categoría Pitufos, con tan só 100 metros de percorrido. Os nenos e nenas nacidas entre o 2010 e o 2013 sairán en tandas de 10-12 participantes sobre as 18.30h., pouco despois de que remate a proba absoluta.

Premios
Todas as persoas participantes contarán coa cobertura dunha póliza de responsabilidade civil e outra de accidentes proporcionada pola licenza de día da Federación Galega de Atletismo. E, ademais, haberá premios: na categoría Absoluta as tres persoas que encabecen a clasificación en feminino e masculino levarán cadansúa cesta de Nadal. Todas as rapazas e rapaces que participen en Menores terán medalla e os tres primeiros postos masculinos e femininos levarán de agasallo un vale canxeable por material deportivo na tenda Más Sport Fene. Por último, na categoría Pitufos, toda a cativería ten asegurada medalla, chegue no posto que chegue.

Ao peche das inscricións na noite deste luns formalizaran a súa participación un total de 597 deportistas para as distintas carreiras, mentres que para a andaina se apuntaran 106 persoas. A San Silvestre 2016 está organizada pola Concellaría de Deportes coa colaboración de Coca-Cola e o apoio loxístico do Club Atletismo Fene e da empresa SEDEGA.

Este mediodía ultimáronse os detalles organizativos e de seguridade. Neste sentido desde o Concello sinálase que o venres á tarde se manterá cortado o tráfico desde as 17.30 ata as 19.00h. no tramo da rúa da Fraga comprendido entre Correos e o cruzamento coa N-651.

Retirada de dorsais
Os dorsais poden retirarse este xoves desde as 9 ata as 13.30h. e desde as 16 ás 22.00h. no pavillón da Xunqueira, en San Valentín. O venres -día da San Silvestre- a numeración tamén se poderá recoller pola mañá no pavillón ou ben entre as 16 e as 17.00h. na Praza do Concello.

A carreira ten unha finalidade solidaria, polo que as persoas participantes -ou quen acuda para presenzar a proba- poderán entregar alimentos non perecedoiros -cereais, cacaos, pastas, legumes, conservas, etc.- que despois Cáritas Fene distribuirá entre as familias con menos recursos do municipio.